matadoiro21

Proxectos

Cronoloxía Mediación Cultural

15 Feb , 2017  

matadoiro21

De Casa da Xuventude a Matadoiro Compostela

O Matadoiro Compostela é un edificio de tres andares e máis de 1600 m2 deseñado polo arquitecto Severino González. Foi construído en 1984 entre a Porta do Camiño e o Parque de Belvís, sobre o soar do vello matadoiro da cidade.

Tras o seu uso como Casa da Xuventude dependente da Xunta, o edificio baleiro e abandonado pasa a mans do Concello de Santiago de Compostela. O goberno local nesa altura manifesta a súa intención de que se derrube, alega a necesidade de abrir a cidade ao parque e engade como argumento a favor da demolición a súa “fealdade”, sen se avaliaren outras opcións posíbeis.

matadoiro7

Créase entón a Plataforma Cidadá “Defender o sector público e salvar a Casa da Xuventude”, que consegue sumar moita veciñanza e colectivos, entre os que se atopan tamén profesionais do urbanismo, todas e todos mobilizados contra a desaparición do propio ben así coma contra o malgasto de cartos públicos. A súa vontade, que estea de novo aberto para a cidadanía mantendo o carácter sociocultural doutrora.

Logo das mobilizacións e o debate público, ficou revertida a posibilidade de botar abaixo o inmóbel, ante esta situación, a necesidade de estudar novas alternativas nacidas desde a participación cidadá.

O 2 de marzo presentouse un primeiro borrador do proxecto de rehabilitación do Matadoiro Compostela, desde a demanda da creación de espazos de autoxestión cidadá para a aprendizaxe e a creatividade. A Mediación Cultural é a primeira en se achegar coa intención de o abrir e de o transformar mediante a suma de canta máis xente mellor, que ten na escoita e a acollida os eixes principais de activación.

matadoiro1

Desenolvemento do proxecto de Mediación Cultural

En marzo de 2016 a Concellaría de Acción Cultural convida a David Rodríguez e a Jordi Claramonte para levaren a cabo o Obradoiro de Mediación Cultural: Que Flúa! Proponse entón un traballo conxunto con traballadorxs das institucións culturais, axentes e representantes de colectivos da cidade para reflexionar sobre o papel dxs dinamizadorxs e programadorxs, as debilidades e fortalezas dos proxectos culturais ou o estado e funcionamento dos centros socioculturais composteláns.

A última valoración sobre este estado de cousas dá conta da necesidade de propoñer un novo modelo de relacións entre a institución e os públicos baseado nunha mediación que abra os espazos, que conecte máis e mellor con quen participa deles, escoite as súas contribucións, que desenvolva proxectos de produción e creación de comunidades e fomente a unidade automática de xestión dos mesmos.
Esta necesidade de construír modelos máis participativos na cultura da cidade coincidiu co desexo e o cumprimento de apertura da antiga Casa da Xuventude en xuño de 2016. Ao tempo, a Concellaría de Acción Cultural propón a activación de xeito experimental do recurso urbano en desuso mediante a posta en práctica temporalmente deste modelo de xestión: a Mediación Cultural.

matadoiro3

Para a súa execución ofréceselle a David Rodríguez a creación e coordinacion do proceso. El, pola súa banda, convida a catro dxs participantes do Taller de Mediación Cultural. Que flúa!: Vicente Conde, Marta Gómez, Alba Vázquez e Natalia Veiga a colaboraren no proxecto desde o mes de xuño ao de outubro, tempo no que a recolleita a través de asembleas cidadás, a acollida no espazo e a convocatoria de proxectos de intervención marcaron a actividade pola reconquista do espazo público e o uso colectivo.

Resumo da Mediación cultural

Un proceso de escoita e acompañamento ás propostas e aos grupos de traballo xurdidos no propio espazo, procurando a creación de redes e proxectos comunitarios, entendendo que só desde a implicación directa da cidadanía na produción cultural e na construción da programación se ha conseguir auténtica acción colectiva e transformadora.

matadoiro6

No inicio do proxecto proponse a dinamización a través do vínculo entre o tecido cultural local e o Matadoiro co proxecto, Comúns e Instituíntes “Espazos creativos, espazos cidadáns”. O obxectivo foi achegar unha plataforma de recepción e de activación do contexto desde a proximidade como idea axitadora e a cesión de espazos para a acción e o retorno. A fórmula escolleita foi a dunha convocatoria pública de proxectos.

Paralelo foi o involucrarse na dinamización dos grupos de traballo que neses meses se foran creando, así como propiciando a xestación doutras liñas de acción, sempre tendo como guía o propio relato que a casa a través da xente estaba a construír. Para iso a documentación e difusión é clave, e o papel que Matadoiro TV, como grupo xurdido desde o inicio do proceso, fundamental para o visualizar e o compartir.

matadoiro5

O crecente número de colectivos escénicos no espazo tamén serviu para amosar unha realidade latente na cidade, a falta de lugares de ensaio, canda ela, a necesidade de se organizaren. Así xurdiu a creación dun espectáculo colectivo para a noite de defuntos, Os Tenorios (novembro 2016), e a vontade de tramar un outro grupo de traballo e de trazar liñas comúns. Matadoiro TV e Os Tenorios foron experiencias reveladoras da necesidade de seguir a armar a través do xuntarse.

A fenda de xénero é outra das liñas que os colectivos e propostas que participaron e participan no espazo axudaron a detectar e ao decatármonos da relevancia de o asumir como eixe transversal. A creación da Plataforma Feminista no espazo do Matadoiro foi sen dúbida inspirador.

matadoiro2

Fronte a estas experiencias propias, o espazo xa recibiu máis de 180 propostas, das que se programaron máis de 100 entre xuño e decembro de 2016. Actividades de todo tipo levadas a cabo polos seus propios impulsores: charlas, encontros, talleres de traballo, eventos de toda índole: culturais, sociais, escénicos, políticos, solidarios, activistas, veciñais, experimentais etc; un bo abano das moitas propostas que ofrece a sociedade compostelá hoxe, e, nas que tamén se deu a colaboración con outras institucións ou axentes locais: o CGAC, Nós TV, a Revista Luzes, o BNG, Galiza Nova, Barriopía, Montenoso, a Plataforma Feminista Galega, o Mercado da Estrela, Podemos, a UNITARIA… A equipa de mediación facilitou para iso o uso do espazo, xerou a difusión e as condicións axeitadas para o seu desenvolvemento. Este número tan elevado de propostas, pódese entender como proba da necesidade de lugares como o Matadoiro e do acerto do proceso de escoita do programa de mediación, que non interfire e pelexa para que o espazo sexa aberto a todas e todos, sen excluír ningunha proposta.

O proxecto de mediación transfórmase nunha verdadeira Oficina de Intermediación Cultural residente no Matadoiro Compostela. Para levar a cabo unha mediación que xa non é máis nunca un axente externo, fai achegas de valor para a comunidade, fai parte do capacitar para a creación, a análise e a acción colectiva. Así pois trabállase para que todas estas propostas teñan unha continuidade e se conecten con outras, se integren ou participen no proceso colectivo que se leva a cabo.

David Rodríguez e Natalia Veiga.

By



Comments are closed.