LogoAsbrigantias

Programación

Roller Derby. Un deporte sen pelotas por e para mulleres

6 Feb , 2017  

As Brigantias Roller Derby chegamos desde a Coruña coa pretensión de ofertar unha actividade deportiva dirixida á poboación feminina de Compostela.

É visíbel, polos datos sobre o número de licenzas deportivas, que as mulleres realizan menos deporte que os homes. Isto explica en parte que as mulleres se atopen nunha situación de desvantaxe a nivel psicolóxico (identidade, autoconcepto, valores etc.) e social (socialización do rol de xénero, estereotipos etc.).

O Roller Derby na Galiza é recente, e os seus equipos están formados por xogadoras maiores de 16 anos de idade. Durante os anos que levamos practicando este deporte na Coruña e relacionándonos coa “comunidade Derby”, nacional e internacional, fixémonos conscientes de que os valores, crenzas, normas do Roller Derby, axudan na construción de autoconceptos, autoestima, empoderamento para todo tipo de persoas independentemente da súa:

  • Diversidade corporal: a práctica do Roller Derby non está supeditada a unha imaxe corporal concreta.
  • Xénero: o Roller Derby está comprometido con prácticas inclusivas e non discriminatorias en relación ás mulleres transxénero e xénero expansivo, promovendo un clima acolledor no que non se toleran comportamentos hostís ou irrespectuosos.
  • Diversidade funcional: no Roller Derby existe unha porcentaxe de patinadoras con hipoacusia e xordeira que se integran con normalidade (a través dalgunha pequena adaptación do resto de xogadoras e persoal de arbitraxe) na comunidade.

Durante os meses que dure a proposta que traemos ao Matadoiro, as clases de Roller Derby estarán dirixidas á práctica das habilidades mínimas (teórica: regras, estratexia, visionado de partidos… e práctica mediante físico con e sen patíns) para xogar a este deporte.

O primeira encontro terá lugar o día 7 de febreiro 2017 ás 19h30 no Matadoiro Compostela.  Neste primeiro achegamento levarase a cabo unha presentación do deporte e do equipo mediante a utilización de medios audiovisuais e a testemuña das xogadoras que actualmente adestran en Compostela.

Data: 7 de febreiro 2017// Horas: 19h30// Lugar: O Matadoiro Compostela

Organiza: As Brigantias Roller Derby // Máis info en: rollerderby981@gmail.com

16422554_1099007213555312_2668634408302299621_o

A liga deportiva As Brigantias Roller Derby é un clube formado por persoas interesadas en promover os deportes femininos en equipo entre a sociedade coruñesa e compostelá, motivándoa a levar unha vida máis sa por medio da actividade física. O principal obxectivo das Brigantias RD é divulgar a cultura do Roller Derby na cidade da Coruña e Compostela, fomentando a inclusión, diversidade e o respecto entre deportistas.

A liga naceu como unha asociación que tivo o seu inicio a finais de 2012, en resposta a unha convocatoria mediante as redes sociais, de persoas interesadas no Roller Derby moderno dentro da cidade da Coruña. Comezou cun pequeno grupo de mulleres de distinta formación académica, ocupación e perfil socioeconómico que traballaron por librar todos os obstáculos que se presentan ao comezar un proxecto coma este: desde dar a coñecer o deporte entre xs achegadxs, recrutar máis xogadoras interesadas, até aprender a xogar ao Roller Derby. Para resolver este último obstáculo, as Brigantias empezaron a viaxar a outras cidades onde existían equipas máis consolidadas (Porto, Barcelona, Madrid, Londres…). Xa en 2016,  convértese nun clube, fedérase e comeza a xogar os seus primeiros partidos. Na actualidade, a irmandade que logrou crear, traballa para lograr formar a mellores xogadoras do Roller Derby na cidade da Coruña. Agora, As Brigantias Roller Derby queremos colaborar na expansión deste apaixonado deporte en Compostela.

By


Comments are closed.